Paul Auster
Nado en Nova Jersey en 1947, é un dos máis prestixiosos escritores norteamericanos actuais. Autor de novelas, ensaios, poesía, guións e películas de cine, a súa obra é lida en todo o mundo. Entre as súas novelas máis coñecidas pódense citar: Triloxía de Nova York, Moon Palace, Mr. Vértigo, Leviathan, The Book of Illusions e Oracle Night. En 2006 foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias das Letras.
Obras de Paul Auster no catálogo:
- Brooklyn Follies ISBN: 978-84-8288-900-9
- Viaxes no scriptorium ISBN: 978-84-8288-671-8
- A vida interior de Martin Frost ISBN: 978-84-7154-123-9
- Un home na escuridade ISBN: 978-84-9865-120-1
- Invisible ISBN: 978-84-9865-249-9
Titulares de prensa
VIAXES NO SCRIPTORIUM
Nunha entrevista concedida ao diario El País o pasado tres de marzo, Paul Auster dicíalle ao seu entrevistador que a súa imaxinación daba síntomas de esgotamento e que ao mellor chegara ao final da súa traxectoria como novelista. Estas declaracións encaixan de xeito perturbador coa súa última -derradeira?- obra, na que un escritor chamado Blank -que remite a aqueles Black e White d'A triloxía de Nova York, pero tamén a ese quedarse en branco do que fala o autor- que, privado de calquera clase de recordos e memoria aparece nunha habitación que pode atoparse nun hospital, nunha cárcere ou nunha estraña dependencia gobernamental. Cada un dos seus xestos é gravado por unha cámara e un micrófono. Sobre unha mesa, un bo montón de fotografías e un feixe de follas que recollen o comezo dunha novela dun tal John Trause -anagrama do propio Auster n'A noite do oráculo- que está sen rematar e que parecen conter algunha clase de clave sobre o que está a pasarlle ao propio protagonista. Nesta formulación argumental obsérvase a alongada sombra dunha das influenzas maiores do escritor: Kafka.
Parecera como si o absurdo tomara o lugar predominante que tiña o azar nos seus libros anteriores, despregando unha lóxica propia tinguida de matices escuros na que abundan os detalles escatolóxicos e escabrosos relacionados coa decadencia física. O mesmo espazo opresivo e aparentemente fóra de tempo e de calquera referencia xeográfica remítenos á outra gran influencia austeriana: Beckett. O home protagonista descoñéceo todo sobre si mesmo. Está esperando algo que non termina de chegar. É como si el mesmo estivera constituído sobre unha fenda, sobre un baleiro imposible de descifrar. O tempo atópase como suspendido. A medida que o protagonista se mergulla en reflexións sobre quen é e que fai pechado na habitación/cela, van pasando por esta personaxes que o lector recoñece como protagonistas de libros anteriores de Auster: Anna Blume d`O país das últimas cousas -a novela de Trause desenvólvese nun austeriano/mathewbarrieano "país de nunca xamáis"-, os Fanshawe, Stillman, Quinn e Sophie d' A triloxía de Nova lorque, o Marco Stanley Fogg d'O pazo da lúa, o David Zimmer d`O libro das ilusións e unha longa lista de homes e mulleres de interminables resonancias literarias como Montag ou Joubert. Todos eles cumpren unha función estraña: van axudando a Blank a reconstruír a súa identidade, nun reviradísimo xogo metaficcional no que os personaxes parecen ser os que definen o estatus do autor.
O dominio absoluto da autoreferencialidade desconcerta ao lector. Un non sabe se pensar si está ante un sofisticadísimo artefacto literario que investiga con resultados desiguais as relacións interminables entre autor-persoaxes-lector a partir dunha anécdota argumental inzada de simbolísmos, ou se está a presenciar un descarado exercicio de narcisismo no cal o escritor faise unha especie de autohomenaxe a modo de despedida e peche.
Eloy García
Verán 2007
Protexta. Propostas
|
|
|
 |
 |
 |

 |
 |