Editorial Galaxia
SUBSCRÍBETE | CONTACTO | MAPA WEB
BUSCAR: 
A Editorial
Autores
Catálogo
Novidades
Ensinantes
Ligazóns
Axenda




Audiocontos



Galicia. Celula de universalidade

Xabier López López

Xabier López López (Bergondo, 1974) é avogado. Publicou a súa primeira obra literaria, Biff, Bang, Pow! (Novela case negra), no ano 1997. Logo da boa acollida desta orixinal parodia do xénero detectivesco ateigada de referencias ao mundo do cinema, acadou unha especial repercusión crítica coa novela Doutor Deus, situándose entre os narradores galegos dos noventa que integran no seu discurso un afán de renovación e unha necesidade de se vencellaren á narrativa contemporánea universal. Posteriormente con O caderno, obtivo o Premio Risco de Literatura Fantástica 2001 e, ao ano seguinte, o Lueiro Rey de Novela Curta con O mono no espello. A estraña estrela mereceu unha tradución ao portugués. A vida que nos mata recibiu o Premio García Barros 2003. En 2007 publicou, tamén en Galaxia, Trinta e dous dentes, que foi finalista do Premio Torrente Ballester.

Obras de Xabier López López no catálogo:
- A estraña estrela ISBN: 978-84-8288-582-7
- A vida que nos mata ISBN: 978-84-8288-639-8
- Trinta e dous dentes ISBN: 978-84-7154-000-3
- Os libros prestados ISBN: 978-84-9865-302-1


Titulares de prensa
TRINTA E DOUS DENTES Unha novela de case trescentas páxinas corre o risco nestes tempos de converterse, como se di popularmente, nun ladrillo. En cambio, o lector que se achegue a Trinta e dous dentes, de Xabier López López (Bergondo, 1974), non deixará o libro ata o final, porque o autor consegue artillar unha historia con gancho e intriga.

O protagonista, Paulo Barreiro, é un director teatral divorciado que unha noite metese na cama e "unha fría e luminosa mañá de outono", sen unha razón comprensible, esperta co tamaño dun neno de once ou doce anos, pero cos 32 dentes dun adulto na súa boca. De aí en diante, Xabier López, finalista do Premio Torrente Ballester (2006), relátanos as aventuras dun rapaz que pensa e fala como o home groso e trouleiro que foi.

Polas páxinas transitan seres fracasados, marxinais, febles resentidos, burócratas indiferentes, triunfadores e ambiciosos. Pero tamén avariciosos, ruíns e moralistas. Todos representantes de distintos estratos dunha sociedade na que aínda predomina a figura do encerro (hospicio da Xunta, internado do colexio e casa luxosa, pero afastada da cidade) fronte ao concepto de control, máis propio dunha sociedade dixital.

Tres referencias principais da literatura mundial resoan no trasfondo desta historia: Gregor Samsa, protagonista da Metamorfosis, de Kafka; El increíble hombre menguante, de Jack Arnold, ou Gulliver (J.Swift). Pero o autor tamén rende homenaxe a outros moitos escritores clásicos, modernos e contemporáneos.

Aínda que talvez é un pouco reiterativo nas descricións dos personaxes e das situacións, e incluso se recrea excesivamente nas escenas da relación erótico-sadomasoquista que manteñen os pais putativos do protagonista, na que tamén se acaba metendo, aínda que dun xeito clandestino, Xabier López debuxa un pequeno retablo no que se mesturan a sátira humorística e corrosiva cunha reflexión sobre a nosa sociedade. Con todo, unha pregunta: ¿non son demasiados dentes para tan pouca codia?

Gonzalo Trasbach
Sábado 28 de xullo de 2007
La Voz de Galicia. Culturas




Noticias relacionadas:
- Os libros prestados [28/07/2010]

Eventos relacionados:
29/06/2007 21:00
Presentación de "Trinta e dous dentes", de Xabier López López
Na Sala Azul do edificio Liceo, Betanzos, ás 21.00 horas.


EDITORIAL GALAXIA, 2006. Aviso legal