Editorial Galaxia
SUBSCRÍBETE | CONTACTO | MAPA WEB
BUSCAR: 
A Editorial
Autores
Catálogo
Novidades
Ensinantes
Ligazóns
Axenda




Audiocontos



Galicia. Celula de universalidade

Antón Riveiro Coello

Naceu en Xinzo de Limia, no ano 1964. Cursou estudios de Dereito na Universidade de Santiago e actualmente traballa na administración autonómica. Riveiro Coello é un dos narradores máis premiados dos xurdidos na literatura galega durante a pasada década. Ademais dun gran número de relatos en libros colectivos e revistas literarias ten publicadas as novelas Valquiria (1993, premio Camilo José Cela), A historia de Chicho Antela (1997), A quinta de Saler (1999), coa que foi finalista do premio Torrente Ballester, así como as recompilacións de relatos Parque Central(1996) e Airadas de palabras (1998), onde se recollen os contos que lle foron premiados nos certames Manuel Murguía e Modesto R. Figueiredo entre os anos 1991 e 1997. Con Animalia (2000) obtivo o premio Café Dublín corrrespondente a 1999. As rulas de Bakunin recibiu o premio García Barros en 2000, ano no que tamén logrou o Álvaro Cunqueiro de Narrativa con Homónima.

En 2007 publica en Galaxia A voz do lago, novela coa que se adentra na creación literaria para os lectores máis novos, e na colección Literaria Os ollos de K.

Obras de Antón Riveiro Coello no catálogo:
- Animalia ISBN: 978-84-8288-362-5
- A esfinxe de Amaranto ISBN: 978-84-8288-645-9
- Casas baratas ISBN: 978-84-8288-852-1
- A quinta de Saler ISBN: 978-84-8288-935-1
- As rulas de Bakunin ISBN: 978-84-8288-754-8
- Os ollos de K ISBN: 978-84-9865-008-2
- A voz do lago ISBN: 978-84-8288-712-8
- Homónima ISBN: 978-84-9865-299-4


Titulares de prensa
OS OLLOS DE K Dicía Agustín Fernández Paz na charla sobre o seu libro premiado co Frei Martiño Sarmiento que o escritor é un depredador da realidade. Insistía nesta reflexión no seu blog Francisco Castro como modus operandi dos que se dedican a escribir historias inspiradas en detalles do cotián. Posiblemente estas manifestacións a moitos lles poidan parecer mesmo obviedades, mais afondar na cuestión pode dar conclusións inesperadas, sorprendentes. Léndomos a última novela de Riveiro Coello poderemos entender moito mellor a importancia do depredador, entenderemos mellor tamén a incidencia na vida dese "depredador" e, como lectores, poderemos chegar a entender algunhas das realidades creativas destes homes e mulleres que se dedican á literatura.

En Os ollos de K o máis interesante é a reflexión a que nos leva o personaxe principal, escritor de certo nome que combina as súas novelas coa aparición diaria dun artigo nun xornal. Exceptuando o éxito que ten en forma pecuniaria coas súas novelas, o personaxe esta construído seguindo moitas das características do escritor galego. As súas preocupacións, vaidades, miserias e virtudes son propias da realidade de calquera escritor. Riveiro Coello constrúe un personaxe arquetípico esencialmente impecable e, a partir del, todo o xogo que virá polas súas andanzas ao longo da trama(s) policiaca da obra.

O noso personaxe leva a actividade "depredadora" ata límites insospeitados e non o dicímos por ter contratado a dous homes para presentárenlle posibles historias para levalas ao papel, senón por como se desenvolve toda a acción. A raíz da aparición dun home cun ollo humano dentro dun frasco, os acontecementos reais e os artigos xornalísticos do tal escritor acollen un paralelismo e unha relación causa-efecto preocupante. Mesmo chega a pensar que os acontecementos posteriores de asainatos e demais indicios que se van presentando ao longo da acción teñen que ver coa súa actividade literaria. É máis decide escribir unha novela baseándose en todo o que lles está sucedendo.
Esta decisión é o que leva ao personaxe a levar a imaxinación e a realidade a campos pouco claros con paralelismos e desviacións dos mesmos que rozan a esquizofrenia creativa, pois o noso narrador chega a pensar que as respostas á realidade está na súa propia ficción.
E aquí están os límites aos que nos referíamos. Como o propio título deixa caer, límites que van ao kafkiano de xeito consciente, pero sen ningún tipo de reacción pola súa parte. O autor vencido pola súa propia fantasía que, en certa medida é a realidade que lle toca vivir, polo que se fai máis perigosa a situación.

Riveiro Coello reflexiona e presenta moitas inquedanzas creadoras. Mais non é un texto metapoético que non teña máis interese que o que o propio autor lle queira dar para si; faino atendendo a unha tensión narrativa que mantén ao lector enganchado, lendo devezoso.

Xa teño lido moitas obras de Riveiro Coello. Conclúo que artellando unha novela e dominando os ritmos, as engranaxes da mesma, hai poucos coma el. Sen desmerecer a ninguén, Riveiro Coello pasa por ser un dos nosos mellores novelistas. Dá igual o que nos conte. Ten o don de atrapar coas súas novelas, sólidas, ben feitas e, parécenos, moi, moi traballadas. Non se malinterpreten as miñas palabras. Non pretendo caer en grandilocuencias pretenciosas que fagan pensar ao lector que estamos ante unha obra mestra ou algo polo estilo. Unha moi boa novela, unha boa xeira literaria como a de Riveiro Coello non precisa de esaxeracións superfluas. Aquí o que hai é oficio, sensibilidade e sabedoría literaria.

Héitor Mera
Cartafol de libros.
Xaneiro 2008




Noticias relacionadas:
- I figli di Bakunin [28/07/2010]

Recomendacho ...
- Xaime Nogueira
- Xosé Monteagudo

Eventos relacionados:
29/03/2006 20:30
Antón Riveiro Coello presenta en Culleredo, lugar donde viviu varios anos, a súa última novela "Casas baratas"
Editorial Galaxia e o Concello de Culleredo presentan a última novela do escritor Antón Riveiro Coello: Casas baratas. 29 de marzo de 2006 ás 20.30 horas no Edificio de Servicios Múltiples deste concello.

21/04/2006 20:30
Galaxia presenta en Xinzo da Limia o último libro de Riveiro Coello
Na Casa da Cultura de Xinzo da Limia Galaxia presenta Casas baratas de Antón Riveiro Coello.
Terá lugar ás 20.30 horas coa participación do autor, Delfín Caseiroe Carlos Lema.

20/04/2007 20:00
Presentación en Rianxo de "A voz do lago"
Na Casa da Cultura, Praza de Castelao, ás 20.00 horas.

23/11/2007 20:30
Presentación de "Os ollos de K", de Antón Riveiro Coello
Venres 23 de novembro, ás 20.30 horas, no Salón de Plenos do Concello de Noia.

19/12/2007 20:00
Encontro cos lectores de Antón Riveiro Coello
Na Biblioteca Nodal de Ourense, o mércores 19 de decembro, ás 20.00 horas.

28/01/2008 11:38
Encontro cos lectores de Antón Riveiro Coello
Luns 28 de xaneiro.

26/03/2008 20:30
Literactúa con Antón Riveiro Coello
O mércores 26 de marzo, ás 20.30 horas, no Café O'Patacón de Carballo.

10/03/2008 12:00
Riveiro Coello conversa cos seus lectores
No IES de Ribadavia e Cambre, o luns 10 de marzo.

09/08/2008 19:00
Sinatura de Riveiro Coello
Na Feira do Libro da Coruña, o sábado 9 de agosto, ás 19.00 horas.


EDITORIAL GALAXIA, 2006. Aviso legal